A Liga Xunta de Galicia de Break celebrou dúas xornadas en Vigo rematando así a súa décima edición. Nesta ocasión, ata 62 participantes achegáronse ás instalacións onde o deporte feminino e mozo foi protagonista.
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na entrega de premios desta última xornada. As mellores deportistas femininas estiveron na categoría de iniciación: Alicia Babarro -MiniAli- (Ourense) acadou a vitoria con once anos e Paula Costas -Pau- (Vigo) foi segunda con 14.
Na categoría avanzada da Liga Xunta, o primeiro clasificado foi Artur Lago -Artur-, de 26 anos e natural de Santiago de Compostela, mentres que o segundo clasificado foi, David Amor de Neda -Amor-, con 15 anos. Na clasificación xeral da categoría avanzada da Liga Xunta de Galicia de Breaking, Artur Lago foi o campión, seguido por Sergio Perol -Serlli- (28 anos) e o propio David Amor.
Na categoría de iniciación, Alicia Babarro foi a campioa sen perder unha sola batalla, seguida por Paula Costas e Ismael Borrallo -Wofly- (14 anos). Ademais da xuventude destes rapaces e rapazas, cómpre destacar que, o 57% das participantes da categoría de iniciación na Liga Xunta foron mulleres.
Ver esta publicación en Instagram
Break Storming – Trofeo Xacobeo 21-22
No que atinxe ao ‘Break Storming – Trofeo Xacobeo 21-22’, puntuable para o ránking nacional, na categoría pro masculina (+18 anos) Moldeivor (Málaga) quedou no primeiro lugar seguido de Lil Rays (O Carballiño) e Artur (Santiago de Compostela).
Na categoría pro feminina (+14 anos), Lola The Warrior Princess (Madrid) foi a vencedora seguida de Kunoichi (Elche) e Xayna (Verín). Na categoría júnior masculina (+14 anos), Amor (Neda) foi o gañador por diante de Lukas (Madrid) e Neko (Barcelona). E, por último, na categoría Kids Mixta (-14 anos) Samuelf (Málaga) acadou o triunfo sobre MiniAli (Ourense) e Samu (Madrid).
Ambos eventos foron patrocinados integramente pola Xunta a través da Secretaría Xeral para o Deporte e no caso da Liga tamén pola Dirección Xeral de Xuventude. Os dous eventos estiveron producidos por Vella Escola contando coa colaboración do Centro Comercial Vialia Estación, da FEBD e do C.D. da Rúa.
Lete Lasa destacou a importancia dunha disciplina como o break, que xa foi recoñecida como especialidade deportiva en Galicia, procedéndose despois á constitución da Liga. Para o secretario xeral, o deporte galego debe camiñar da man das demandas dos mozos e mozas que practican actividade física, polo que sinalou que os deportes urbanos están a ter unha grande repercusión nos últimos anos.
Tanto é así que o break dance será deporte olímpico en París 2024 xunto ao basket 3×3, a escalada ou o skate. O éxito desta Liga Xunta de Galicia de Break será o acicate perfecto para o Plan Director de Deportes Urbanos de Galicia do que asegurou ser importante para “situar a Galicia na vangarda destas novas expresións deportivas, así como fidelizar á xuventude ou fortalecer a práctica mixta e feminina”.





















