O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Lei 3/2025, do 15 de decembro, pola que se modifica a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, (Lei do Deporte) aprobada o pasado 2 de decembro no Parlamento de Galicia.
Entre os cambios realizados na lexislación deportiva de Galicia cómpre destacar o código de bo goberno das federacións deportivas, así como a posibilidade da acción popular nos casos de violencia do ámbito deportivo. A nova lei entrará en vigor mañá.
No primeiro caso, o bo goberno é un requisito esencial das federacións deportivas, polo que o novo artigo 55 bis permitirá afondar nos principios de democracia interna, transparencia, integridade, solidariedade, igualdade de xénero, apertura, rendición de contas e responsabilidade social.
Neste sentido, segundo informa a Xunta de Galicia, “as federacións deportivas aprobarán un código de bo goberno no que se establezan as prácticas de boa gobernanza e integridade da federación destacando obrigas como manter o segredo de datos e informacións; non facer uso indebido do patrimonio federativo; instituír un sistema de autorización de operacións”
Tamén se recolle: “subministrar información relativa ás relacións contractuais, comerciais ou familiares con provedores e entidades vinculadas á federación para o persoal directivo; incompatibilidade do cargo directivo federativo coa prestación de servizos profesionais á federación; o principio de igualdade e non discriminación por xénero; o sometemento, na contratación das obras, aos principios de publicidade, concorrencia, transparencia, non discriminación e igualdade; o establecemento de criterios obxectivos de distribución de axudas ou bolsas; así como a limitación do cargo de presidente ou presidenta da federación a catro mandatos, podendo optar a un único mandato adicional no caso de que sexa a única candidatura á presidencia ou por razóns de interese deportivo, organizativo ou institucional”.
Acción contra a violencia
Por outra banda, grazas á modificación da Lei do Deporte, a Administración autonómica poderá comparecer como acusación popular nos procedementos por delitos e actos de violencia perpetrados no ámbito deportivo da Comunidade Autónoma.
Cómpre salientar que este exercicio da acción popular non se levará a cabo no caso de existir negativa expresa por parte da vítima.
Que buscan os cambios na Lei do Deporte?
Con esta novidade na Lei do Deporte preténdese garantir aínda máis a protección da legalidade e do interese social, así como o propio sistema deportivo galego.
Explican desde a Xunta de Galicia que “a loita contra a praga que é a violencia no deporte é unha tarefa común de todos os axentes deportivos e sociais, das persoas deportistas e afeccionadas, de todos os axentes deportivos, dos medios de comunicación e, por suposto, das administracións públicas. Todos temos que ser contundentes desde as nosas competencias co obxectivo de acadar un deporte libre de calquera forma de violencia”.





















