- “Se protestas, non encestas” é un proxecto pioneiro, que avaliou máis de 5.000 partidos na súa primeira edición, arrincará esta fin de semana cun sistema de percepción 360º
A Federación Galega de Baloncesto (FEGABA) retoma esta fin de semana, 17 e 18 de xaneiro, o proxecto “Se protestas, non encestas”, a iniciativa pioneira posta en marcha na segunda metade da tempada 2023/24 para avaliar o nivel de conduta nas competicións galegas de baloncesto.
Esta segunda edición chega cunha novidade fundamental: a incorporación dos adestradores e adestradoras ao sistema de avaliación. Ata o de agora, a percepción sobre a conduta nos partidos recollíase unicamente desde a perspectiva de árbitros e oficiais de mesa. A partir de agora, os técnicos e técnicas tamén poderán valorar aspectos como o control do partido, a comunicación cos xogadores e a relación cos equipos arbitrais, configurando así unha visión 360º do que acontece nos pavillóns galegos.
Ver esta publicación en Instagram
O presidente da Federación Galega de Baloncesto (FEGABA) , Julio Bernárdez, destacou a importancia desta evolución: “Desde a Federación seguimos traballando para que as nosas pistas sexan espazos de respecto e convivencia. Incorporar a voz dos adestradores a este proxecto permítenos ter unha visión máis completa da realidade e reforzar o seu papel como transmisores de valores. Entre todos e todas, estamos a construír un baloncesto mellor”.
Máis de 5.000 partidos avaliados na experiencia piloto
Na súa primeira edición, desenvolvida entre febreiro e maio de 2024, “Se protestas, non encestas” avaliou máis de 5.000 partidos das competicións organizadas pola FEGABA. O sistema, baseado en enquisas enviadas automaticamente aos árbitros e oficiais de mesa tras o peche da acta electrónica, permitiu identificar condutas recorrentes e detectar ámbitos de mellora.
A ferramenta demostrou a súa utilidade, especialmente nas competicións de formación, xerando ademais o interese doutras federacións autonómicas que se interesaron polo funcionamento do proxecto.
Funcionamento sinxelo e áxil
O sistema mantén a súa sinxeleza: tras cada partido, árbitros, oficiais de mesa e adestradores recibirán unha ligazón para cumprimentar unha breve enquisa sobre a súa percepción do nivel de conduta. As valoracións abranguen distintos ámbitos: banquiños, xogadores e público, tanto do equipo local como do visitante.
“Se protestas, non encestas” enmárcase no compromiso da Federación Galega de Baloncesto (FEGABA) coa erradicación de comportamentos negativos e violentos nas súas competicións, complementando outras iniciativas formativas e educativas como “O baloncesto educa”.





















