O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este venres ás Guerreiras Laranxas, acompañadas polo presidente do Pescados Rubén Burela FS, Manuel Blanco Fanego, en recoñecemento pola súa brillante tempada, coa conquista de Supercopa de España, Copa da Raíña e Liga, ademais do galardón Futsalplanet Awards como mellor equipo feminino.
Na recepción, celebrada no Pazo de San Marcos, participaron tamén os deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; e Deportes, Efrén Castro Caloto.
Desexándolles novos éxitos na tempada que comeza, José Tomé destacou que o Burela FS “é un club modélico deportivamente, pola súa gran traxectoria, pero tamén humanamente, porque sodes un equipo unido, directiva, corpo técnico e xogadoras, e tamén porque promove a igualdade”, facendo referencia á histórica sinatura do primeiro convenio colectivo coas xogadoras profesionais.
“Sodes un club que navega coma un barco, con bo rumbo, con boa dirección, cunhas amuras que rompen as ondas con seguridade”, sinalou o presidente da Deputación, de maneira alusiva ao agasallo institucional que lle entregou ao presidente laranxa, a peza de Sargadelos Barco Ardora II.
As Guerreiras tamén recibiron como obsequio o libro Talasonimia da Mariña Luguesa. Os Nomes do Mar, de Paco Rivas, en recoñecemento polo seu esforzo, compromiso e constancia e polos seus logros deportivos.