O Concello da Coruña vén de presentar este mesmo mércores un novo programa de andainas guiadas. As actividades inclúen unha ruta polas murallas da cidade e outra polos espazos deportivos da Coruña, que xa se viña celebrando desde o mes de marzo. Ata o momento participaron un total de 338 persoas.
A actividade, totalmente gratuíta, está inicialmente dirixida ao alumnado das Escolas Deportivas Municipais de máis de 18 anos. No caso de que queden prazas libres, estas abriranse á cidadanía en xeral, sempre e cando sexan persoas maiores de idade.
A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, destacou que “as andainas son unha proba da importancia das conexións que poñen en valor o binomio Turismo e Deporte para dar protagonismo a aquelas actividades deportivas que motiven a visitar a nosa cidade”.
Así mesmo, lembrou que a idea xurdiu en plena pandemia, para poder aproveitar todo o que se podía facer para saír da casa e desentumecer músculos “ao tempo que coñecemos historias da nosa cidade, historias do deporte coruñés e tamén historias da cidade mentres facemos exercicio”.
Andainas de outubro na Coruña
A primeira opción é a xa habitual ruta polo Deporte coruñés e o 50 aniversario do Pazo dos Deportes de Riazor, que terá lugar todos os venres de cada mes entre as 12:00 e as 13:00 horas.
A nova alternativa é a ruta polas Murallas da Coruña, tamén de 12:00 a 13:00 horas, pero todos os domingos de cada mes. A distancia aproximada desta andaina é de 4 quilómetros.
As persoas interesadas en inscribirse deberán completar o formulario que se atopa na páxina web de Deportes ou ben chamar ao teléfono 981 18 98 00. As prazas asignaranse por estrita orde de inscrición.