O Concello da Coruña colabora coa Federación Galega de Fútbol na organización da cuarta xornada do torneo de fútbol-genuine ‘A nosa Champions‘, unha iniciativa concibida co obxectivo de fomentar a inclusión social, apostando polo deporte como o eido para promocionala e visibilizala.
A cuarta xornada desta tempada terá lugar este sábado 27 de xuño no campo municipal de fútbol Víctor Fernández Alonso, a Leyma, coa participación de seis equipos galegos:
- Fundación Real Club Deportivo
- Eirís SD
- Vilagarcía SD
- Racing Club Ferrol
- Torre SD
- Pabellón Ourense
De 09.30 a 12.00 horas, os conxuntos disputarán partidos de vinte minutos -divididos en dúas quendas de dez- en dous campos.
Horarios da Nosa Champions
Os enfrontamentos serán os seguintes: ás 9.30 horas, Fundación Real Club Deportivo – Eirís SD e Racing Club Ferrol – Torre SD; ás 10.00 horas, Vilagarcía SD – Real Club Deportivo e Pabellón Ourense – Racing Club Ferrol; ás 10.30 horas, Eirís SD – Vilagarcía SD e Torre SD – Pabellón Ourense; ás 11.00 horas, Real Club Deportivo – Racing Club Ferrol e Eirís SD – Torre SD; e xa ás 11.30 horas, Vilagarcía SD – Pabellón Ourense. Ás 12.00 horas terá lugar a entrega de medallas.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, convidou a cidadanía a non perder esta cita, na que compiten equipos mixtos integrados por persoas do colectivo DI, con discapacidade intelectual. O edil fixo fincapé na importancia de apoiar e impulsar este tipo de iniciativas, “que amosan o inmenso potencial que ten o deporte en termos de integración, un compromiso compartido polo Concello da Coruña e que apoiamos firmemente pola súa capacidade de transmitirlle ao conxunto da sociedade valores fundamentais como a deportividade, solidariedade e empatía”.
A celebración do torneo ‘‘A nosa Champions‘ na Coruña dá continuidade á recente programación de eventos que reforzan a filosofía do Concello de posicionar A Coruña como unha cidade onde o deporte non só axude a interiorizar hábitos saudables, senón tamén a exercer coma un motor de inclusión, tal e como lembrou a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa.
Por exemplo, coa recente celebración do Campionato de España de Rugby Inclusivo, que tivo lugar a pasada fin de semana na Cidade Deportiva da Torre-Arsenio Iglesias.
Esta cita, apoiada polo Concello da Coruña e a Federación Galega de Rugby, foi posible grazas a un convenio subscrito entre a Fundación Emalcsa e o CRAT.





















