- A carreira San Silvestre Coruña recupera para esta ocasión a saída e a meta na praza de María Pita, do mesmo xeito que nos primeiros tempos.
- As probas infantís terán lugar ás 10.30 horas e a carreira absoluta ás 11:00.
A XIII San Silvestre Coruña, que tivo que ser aprazada o pasado 31 de decembro debido ao temporal de choiva e vento, celebrarase finalmente o vindeiro domingo 15 de xaneiro ás 11.00 horas. Nesta ocasión, de maneira excepcional, a carreira recupera o percorrido dos primeiros anos, con saída e meta en María Pita, algo que non se podía facer na praza debido ás atraccións que se instalaban durante o período do Nadal.
Xogadores e xogadoras de todas as categorías do HC Deportivo Liceo, que este ano celebra o seu primeiro medio século de vida, serán os encargados de dar a saída á carreira absoluta. Un pouco antes, ás 10.30 horas, comezarán as probas infantís para nenos e nenas de 7 a 10 anos.
Na presente edición, o éxito da San Silvestre Coruña para os máis pequenos fixo que se tivesen que aumentar as prazas ata as 220 que se cubriron. O mesmo sucedeu coa marcha nórdica, a principal novidade deste ano, que tamén quedou pequena, ata alcanzar as 130 persoas anotadas nesta categoría.
A proba absoluta sairá de María Pita e discorrerá pola Mariña ata Juana de Vega e logo polo Paseo Marítimo para regresar de novo a María Pita.
Categorías en liza na San Silvestre Coruña
Na San Silvestre Coruña hai dez categorías deportivas, divididas en dous infantís, dous xuvenís e seis absolutas, ademais da de marcha nórdica e a de empresas, que se obtén sumando os tempos dos corredores da mesma organización. Tamén hai dous premios ao mellor disfrace, individual e colectivo.
Esta carreira popular mantén o seu carácter solidario, co apoio a dous proxectos. Por unha banda, recóllense alimentos para a Cociña Económica, (con puntos de recollida durante a entrega de dorsais e o mesmo día da carreira). Este ano, co aprazamento por causas meteorolóxicas, xa se realizou unha primeira entrega de alimentos, un total de 450 quilos.
A San Silvestre tamén colabora co proxecto Reis Magos de verdade, no que se recollen cartas de nenos e maiores para converterse en paxes das súas Maxestades de Oriente para levar agasallos e sorrisos a quen máis o necesitan.
Ademais, na súa intención de ser unha carreira integradora, a San Silvestre Coruña dispón de “dorsais solidarios” de apoio aos corredores e corredoras con capacidades especiais que o necesiten.
A XIII San Silvestre Coruña está organizada por Club Rialto, coa colaboración do Concello da Coruña.