Unha semana despois de exhibirse na pista barcelonesa de Premiá de Mar, o Pump Track galego superouse o pasado sábado no municipio oscense de Aínsa. Quince riders da nosa comunidade subiron ao podio no terceiro evento da Copa de España, con cinco presenzas no chanzo máis alto e nove líderes na clasificación xeral a falta de dúas citas puntuables. Este recital encabezouno o sub-23 Sergio Veiga (Pontebike) ao establecer o mellor rexistro da xornada.
O autor do tempo scratch entre unha centena de participantes detivo o reloxo en 17 segundos e 570 milésimas. O naronés Sergio Veiga bateu por 148 milésimas a outro corredor do conxunto de Ponteareas, ao júnior Malo Dusseau.
O dobrete galego impediuno a júnior catalá Berta Martínez (BTT Valls), que se encargou da mellor marca feminina (21”087) por diante de dúas representantes do noso Pump Track: a cadete Paula Rodríguez (Val do Ulló) quedouse moi preto do mellor ‘crono’ absoluto, a 124 milésimas, e a elite Yuli Paola Rey (Kiwi Atlántico – Craega) fixo na súa mellor quenda 21”892.
As outras dúas vencedoras das súas categorías chegadas a Aínsa dende a nosa comunidade nesta proba de Pump Track foron a alevín Eva Vilas (Farto) e a máster-50 Rosa María López (Maese Ourense). Os dez podios restantes corresponderon a Daniela Vilas (Farto), segunda nas cadetes; Sarela Rúa (Maese Riders) e Candela Rodríguez (Val do Ulló), segunda e terceira nas infantís; Leo Díaz (Pontebike), terceiro nos alevíns; Sofía Núñez (Ribadumia), segunda nas principiantes; Noel Vidal (Val do Ulló), segundo nos promesas 7-8; Sofía Casal (Val do Ulló), segunda nas promesas 7-8; Iván Rial (Bentraces), terceiro nos máster-30; Alberto Manuel García (Maese Ourense), segundo nos máster-50; e Antonio Piñeiro (Maese Ourense), segundo nos máster-60.
A seguinte proba da Copa de España Pump Track será a de Mondariz, o 28 de xuño, e nas instalacións de Pump Track deste concello pontevedrés presentaranse como líderes por parte galega Yuli Paola Rey, a Sub-23 Alba Fernández -ausente en Aínsa-, Sergio Veiga, Paula Rodríguez, Eva Vilas, Sofía Núñez, Iván Rial, Rosa López e Antonio Piñeiro.
Gañadores por categorías na Copa de España de Pump Track de Aínsa segundo informa a RFEC:
- Scratch feminino: Berta Martínez
- Scratch masculino: Sergio Veiga
- Élite: Iván Labrador y Yuli Paola Rey
- Sub23: Sergio Veiga
- Junior: Malo Dusseau y Berta Martínez
- Cadete: Ángel Esteban y Paula Rodríguez
- Infantil: Nacho Ramírez y Alejandra Onega
- Alevín: Marcos Barranco y Eva Vilas
- Principiante: Artiz González y Maylen Sigcha
- Promesa 7-8: Aleix Martínez y Jimena Ledesma
- Promesa 5-6: Alex Serrano y Ona Oto
- Máster 30: Javier Remírez
- Máster 40: Isaac Martín
- Máster 50: Rosa María López y Josep Escayola
- Máster 60: Víctor Barón





















