- O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, fíxolle entrega das medallas ás persoas gañadoras da carreira popular Matogrande-Xuxán e destacou o éxito do novo trazado
Volveu o circuíto de carreiras populares Coruña Corre coa VIII edición da carreira Matogrande-Xuxán, que por primeira vez inclue o barrio de Xuxán no percorrido. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, fíxolle entrega das medallas ás persoas gañadoras e dou a saída das diferentes probas, acompañado pola concelleira do barrio, Diana Cabanas.
A rúa Sebastián Martínez Risco, punto de saída e meta da carreira, congregou a 1.091 corredores e corredoras entre as probas absoluta, sub 18, sub 16, sub 14, sub 12, sub 10 e prebenxamín ou peques. Nuno Moure e Inés Papín conquistaron a proba absoluta nun tempo de 00:22:17 e 00:27:01 respectivamente.
Fixéronse co pódium seguidos de Antón Gómez e Abdelaziz Faithi e Nerea Sánchez e Candela Gómez, nunha proba na que participaron 622 deportistas. O resto de resultados poden consultarse na web www.corunacorre.com.
A carreira Matogrande-Xuxán intégrase no Coruña Corre
O trazado da carreira contou cun percorrido total de 6.640 metros, transcorrendo polo barrio de Matogrande, o Campus Universitario de Elviña e por primeira vez Xuxán, cos últimos 2 quilómetros da proba. Vázquez destacou o éxito do novo trazado, sumando arredor de 450 corredores e corredoras de nova inscrición.
Coa proba en Matogrande-Xuxán, o circuíto Coruña Corre encara a súa etapa final coas últimas dúas probas da edición. A próxima cita será o 20 de outubro no barrio do Ventorrillo, novena edición o circuíto. As inscircións abriranse nos vindeiros días. A última proba será o 24 de novembro en Novo Mesoiro.