Esta mañá celebrouse na cidade herculina a carreira popular para conmemorar o 50 aniversario da fundación do CHUAC. O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Deportes, colaborou co Complexo Hospitalario Universitario da Coruña na súa organización, celebrando o primeiro medio século do hospital con esta actividade deportiva.
Máis de 700 persoas se achegaron para conmemorar o aniversario do centro hospitalario (CHUAC), participando nun circuíto de 5.250 metros que uniu as dúas zonas sanitarias da cidade: a avenida da Lamadosa, onde se atopa o hospital universitario, e o Parrote, onde está localizado o Abente y Lago. Con esta actividade, o Concello da Coruña contribúe a celebrar o aniversario do hospital coruñés.
👟 Estase a celebrar a carreira do 50 aniversario do #CHUAC @SanidadeACoruna, pertencente ao circuíto #CoruñaCorre!
Preto de 1.500 persoas participan nesta proba.
👇 Segue este fío, onde iremos engadindo os gañadores e gañadoras das distintas categorías. pic.twitter.com/GjDn3yAU5o
— A Coruña Deportes (@coruna_deportes) December 18, 2022
Álvaro Marín e Karina Callón fixéronse co máis alto do podio na categoría absoluta masculina e feminina respectivamente. Ademais, tamén recibiron premios os primeiros traballadores do CHUAC en chegar á meta, sendo os premiados Esteban Martínez e Elisa Cobelo, cardiólogo e traumatóloga respectivamente.
En canto ás categorías inferiores, na categoría Sub-18 os gañadores foron Nuno Moure e Sofía Gómez e na categoría Sub-16 Juan Bouzón e Cristina Mato. Albino Iglesias e Marta Alonso fixéronse co ouro na categoría Sub-14 e Berta Cameselle e Samuel Tallón co ouro da Sub-12. A última competición foi a Sub-10, onde Noa Rey e Sergio Coira se subiron ao podio como gañadores da competición.
A carreira en homenaxe ao CHUAC non puntuaba no circuíto Coruña Corre
A carreira, aínda que non é puntuable, pecha o ciclo deportivo Coruña Corre 2022 que celebrará a gala de entrega de premios o martes 17 de xaneiro no Ágora. Están abertas as inscricións para a media maratón de febreiro e a maratón de outubro en carreirasgalegas.com.