O VII Seminario de Intercambio de Experiencias no ámbito do deporte celebrado no Centro Cultural de Alfena en Valongo (Portugal) abordou dúas temáticas, dunha banda falouse de boas prácticas na igualdade no deporte a través de varias ponencias e, posteriormente por medio dunha mesa redonda, reflexionouse sobre ‘Os desafíos das mulleres no deporte’. Esta cita é unha iniciativa do Eixo Atlántico.
Na apertura desta sétima edición do Seminario de Intercambio de Experiencias no ámbito do deporte participaron José Guilherme Aguilar, presidente do Grupo Temático de Desporto do Eixo Atlántico, Ivo Vale das Neves Vereador de Desporto Municipio de Valongo, e Rita Fidalgo Oitavén, directora de Programas e Cooperación Eixo Atlántico.
Ivo Vale das Neves puxo en valor a integración e o traballo en equipo que aporta o deporte. José Guilherme Aguilar destacou a importancia da igualdade de xénero. Pola súa banda, Rita Fidalgo Oitavén lembrou que a súa primeira reunión do Eixo foi sobre deporte, ela era daquela a única muller. O escenario deste seminario foi moi diferente con claro protagonismo de mulleres no deporte.
Boas prácticas na igualdade no deporte
Compartir experiencias e exemplos de boas prácticas na igualdade no deporte foi o contido que centro o bloque de ponencias que moderou Pilar Lueiro García, concelleira de Deporte do Concello de Compostela. Na súa intervención de apertura, Lueiro destacou o feito de que vimos de vivir os primeiros Xogos Olímpicos e Xogos Paralímpicos en igualdade e que, pola contra, no último Mundial de fútbol moitas xogadoras tiveron que pedir dispensa nos seus traballos debido a que non eran futbolistas profesionais. Duas situacións que se contrapoñen dentro dunha mesma contemporalidade.
Paula Ramos Nogueira, vereadora do Desporto do Município de Fafe falou na súa intervención neste 7.º Seminario de Intercambio de Experiencias no ámbito do deporte sobre o ‘Tecido desportivo e políticas de igualdade de xénero no município de Fafe’. Explicou que cando chegou ao seu posto, hai anos, atopouse cun tecido deportivo masculinizado. Tivo que demostrar que podía asumir o posto construíndo unha relación de respecto mutuo. Até que a súa presenza normalizouse. “Co tempo a miña presenza fíxose natural”, explicou Paula Ramos. “O xénero non nos define. Si a capacidade”, asegurou a vereadora do Desporto do Município de Fafe.
Paula Ramos Nogueira, vereadora do Desporto do Município de Fafe: “Estamos nun camiño sen retorno xa que as novas xeracións non admitirán retrocesos”
Unha maoiría vista como minoría
Na opinión de Paula Ramos Nogueira: “Estamos nun camiño sen retorno xa que as novas xeracións non admitirán retrocesos”. Lanzou unha reflexión: “Por que se no mundo as mulleres somos a maioría da poboación se tratan os temas deste perfil desde un punto de vista de minorías?”
Sameiro Araújo, vicepresidenta do Município de Braga e responsable da área de Deporte, detallou o ‘Impacto das medidas implementadas polo Municipio de Braga na Carta Deportiva de 2024’. Sameiro Araújo explicou a súa experiencia como adestradora olímpica de atletismo. O que supuxo elixir a unha muller para ese cargo nos anos 80 e como pasou de ser vista como unha “competidora” polo resto de adestradores. Agradeceu o apoio de varios homes na súa carreira deportiva. Sameiro Araújo explicou as medidas implementadas en Braga para busca reverter unha situación de desigualdade na práctica deportiva.
Paula Ramos Nogueira, vereadora do Desporto do Município de Fafe: “Por que se no mundo as mulleres somos a maioría da poboación se tratan os temas deste perfil desde un punto de vista de minorías?”
Na súa ponencia, Maria João Filipe, Técnica Superior do Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDI), disertou sobre o ‘Premio «Desporto + Igual» e Selo de Igualdade de Xénero no Deporte’. Explicou como se promoveron boas prácticas e da actividade física deportiva (AFD)
Os desafíos da muller no deporte
No formato de mesa redonda, e con participación do público asistente, abordouse a temata ‘Os Desafíos das Mulleres no Deporte’. Moderou a conversa Mafalda Roriz, diretora do Departamento de Desenvolvimento Social, Deporte e Xuventude do Municipio da Maia. Integraron a mesa Celina Gonçalves, coordenadora do Mestrado de Xestión do Deporte da Universidade da Maia, Marta Gomes Graça, presidenta do Grupo Deportivo Bolacesto do Municipio de Vila Nova de Gaia, e Silvia Carregal, directora del xornal deportivo dixital As Nosas.
A coordenadora do Mestrado de Xestión do Deporte da Universidade da Maia, Celina Gonçalves defendeu que a opinión da muller sexa escoitada coma o home.
Marta Gomes Graça explicou a súa experiencia como presidenta do Grupo Deportivo Bolacesto do Municipio de Vila Nova de Gaia. Asegurou que non non atopou atrancos como muller para ser presidenta.
Silvia Carregal explicou os motivos que levaron a Artabra Comunicación (empresa editora de As Nosas) á creación deste xornal dixital e como, pese ao camiño andado, seguía a ver necesaria a existencia dun medio de comunicación como As Nosas, un espazo no que se visibilizase o papel da muller no deporte en Galicia dun modo relevante dándelles un protagonismo informativo ás historias qeu elas protagonizan tanto como deportistas como desde outros roles como directivas, árbitras, xuízas, adestradoras, ou seareiras.
Consultada sobre os desafíos que tivera que afrontar como muller no deporte Silvia Carregal explicaba que estos non foran enormes pero si constantes. “Un goteo ao longo de cada etapa da vida, no que tiñas que acreditar que estabas nun lugar que te correspondía. Primeiro como deportista, xogando ao fútbol sala nos anos oitenta. Logo como xornalista de deportiva”.
Como curiosidade, a directora de As Nosas comentou que unha “táctica habitual hai anos cando unha muller se sumaba a unha conversa ao fío dun tema deportivo era preguntarche se sabías en que consistía o fóra de xogo en fútbol, como se iso demostrase que xa sabías de fútbol. Era como a proba que había que superar para demostrar que podías seguir falando, que merecías estar nese espazo. Se mo preguntaran agora seguramente respondería, que eu si sei en que consiste o fóra de xogo en fútbol, pero se cadra moitas persoas presuntamente entendidas en deporte non saben en que consiste o fóra de xogo en rugby”.
NOVAS RELACIONADAS