Imparables, invictas… O BAXI Ferrol mantén a boa liña de resultados e nesta fin de semana deu en sumar a súa sexta vitoria consecutiva ao se impór ao Ausarta Barakaldo cun marcador de 76-46.
O partido tivo dúas fases moi diferenciadas. Até o descanso, o cadro ferrolán encaixou moitos máis puntos dos habitual mentres que na segunda metade do choque mellorou moito as súas prestacións defensivas e iso levou a que o seu adversario apenas anotase.
No primeiro cuarto houbo moita igualdade, co cadro vasco dominando o rebote nos primeiros compases e logrando as primeiras vantaxes, aínda que o BAXI colocouse por diante e terminou cun 19-15.
No segundo parcial, as rendas do equipo local ían entre o sete e o once puntos, pero non era capaz de romper o encontro xa que o seu rival mantíñase firme, grazas ao acerto da súa americana, o que levou a que ao descanso o marcador reflectise un 40-35.
A saída dos vestiarios sentou moi ben ao BAXI Ferrol, que estivo moito máis intenso en defensa, e iso valeulle para que o seu adversario perdese moitas posesións e apenas fose capaz de anotar. Desa forma, as vantaxes foron en aumento até terminar o terceiro cuarto cun 58-41.
No últimos dez minutos, a tónica foi similar ao dez anteriores, co BAXI Ferrol defendendo con moita orde e anotando con facilidade nas transicións, para chegar ao final do partido co triunfo por un resultado de 76-46, que deixa ao equipo ferrolán no liderado da clasificación.
O BAXI Ferrol, líder e a pola sétima
As ferrolás continúan á fronte da clasificación, invictas tras seis xornadas. Líderes con seis triunfos de seis. Síguenlles na táboa as galegas do Celta Zorka Recalvi con nove puntos e un partido menos disputado.
O vindeiro domingo día 15 ás 11:30 (hora canaria), xogarán no pavillón das Tías nas Palmas de Gran Canaria contra as décimas clasificadas, o Magectias Contra Violencia Gen. O obxectivo das galegas: sumar a sétima vitoria e seguir mandando na táboa.
FICHA TÉCNICA
76) BAXI FERROL: Laura Fernández (-),Irene del Rebollet Gari Gilaber (10), Julieta Mungo (4), Geraldynn Leaupepe (8), María Anniina Aijanen – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Patri Cabrera (11), Patricia Benet (12), Natalia Rodríguez (-), Andrea Luciana Boquete (6), Jenna Allen (14) e Sune Swart (2)
46) HGB AUSARTA BARAKALDO E.S.T.: Aina Martín (-), Sokhna Lo Sylla (3), Alexis Lewis (18), Ijeoma Frank Uchendu (6), Laura Chahrour (9) – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Aitana Vergara (4), Eva Sara Ortega (-), Beatriz Torres (-), Nicole Murugarren (6), Alba Ibáñez (-) e Ana Ilic (-).
PARCIAIS: 19-15, 21-19, 18-6 e 18-6.
ÁRBITROS: Elio Clavería Sánchez e Cristian Abalo Buceta
INCIDENCIAS: Partido correspondente á sexta xornada da Liga Feminina 2 disputado no pavillón de A Malata (Ferrol)