- Estamos ás portas da celebración dunha nova edición da Regata Rías Altas. Hoxe presentouse a LIII edición da proba de vela por etapas, organizada polo Real Club Náutico
A alcaldesa, Inés Rey, participou esta mañá na presentación da LIII edición da Regata Rías Altas, a proba máis antiga das que organiza o Real Club Náutico da Coruña e, ademais, unha das competicións de vela por etapas máis esixentes do norte de España. Rey estivo acompañada polo concelleiro de Deportes do Concello da Coruña, Manuel Vázquez.
A regata Rías Altas é para clase cruceiro
A Regata Rías Altas, orientada a embarcacións de tipo cruceiro, terá lugar ao longo desta semana, entre o xoves 23 e o domingo 26. Tras saír da Coruña, porá rumbo cara a augas dos concellos de Viveiro, Cariño e Cedeira.
Inés Rey, acompañada hoxe polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou precisamente o carácter da Regata Rías Altas como “motor de amizade e irmandade entre concellos da nosa terra” e subliñou tamén o alto nivel da proba, “que é sinónimo de prestixio no calendario deportivo galego e unha referencia para as persoas amantes da vela”.
Neste sentido, a rexedora amosou o apoio e colaboración do Concello da Coruña á nova directiva do Real Club Náutico (encabezada polo seu presidente, Jaime Araújo). Na súa intervención, a alcaldesa expuxo a vontade do Executivo local para reforzar as liñas de colaboración entre María Pita e a entidade, como a xa existente a través do programa deportivo Coruña no Mar.
“Coruña no Mar creouse, precisamente, para propiciar a posta en valor dun dos patrimonios máis valiosos da cidade: as nosas augas. É, ademais, un programa que sustenta o noso obxectivo de promover os hábitos saudables entre o conxunto da poboación. No futuro, queremos seguir consolidándoo e achegando, a escala interxeracional, as disciplinas deportivas no medio mariño a persoas de todas as idades, cunha perspectiva integradora. E esta filosofía, a de conectar o mar coa xente, casa precisamente co rumbo do Real Club Náutico e do seu equipo directivo, con Jaime á fronte”, apuntou a alcaldesa.
Ademais, Inés Rey abriulle tamén as portas á colaboración entre o Concello da Coruña e o Real Club Náutico de cara ao próximo centenario da entidade, no ano 2027. “Será unha grande oportunidade para valorar a súa dimensión: a dunha entidade centenaria que non só viu crecer a campioas olímpicas como Sofía Toro, senón que leva desde os seus inicios formando persoas. Porque o deporte, moito máis alá dos resultados, é saber gozar dun proceso que tamén é un adestramento para o resto da vida”, indicou.





















