O Pazo dos Deportes de Riazor está de aniversario. Ás súas costas leva xa 50 anos de historia que é tamén memoria viva da cidade coruñesa. Unha exposición fotográfica e documental rememora desde hoxe os grandes momentos que o recinto acolleu. Boa parte deles deportivos, pero tamén sociais e musicais.
A inauguración acudiron, entre doutros deportistas, xogadoras de dous equipos femininos pioneiros do baloncesto na Coruña, o Tabacos e o Medina. Unha mostra pensada para tempos de pandemia xa que se pode visitar desde a rúa sen entrar ao recinto coa praia de Riazor acompañando ás persoas visitantes como telón de fondo.
A alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, inaugurou hoxe (martes 29 de decembro) a mostra de imaxes e obxectos que se poderán ver na parte exterior dun pavillón que é historia desta cidade e do Estado, e que acolleu grandes xestas deportivas, citas culturais e discursos dos líderes políticos máis importantes da democracia.

A rexedora coruñesa, Inés Rey, e a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, abrían ao público a exposición fotográfica con motivo do 50 aniversario do Pazo dos Deportes en Riazor. Tratase dun percorrido visual polos acontecementos máis importantes que tiveron lugar neste edificio deseñado polo arquitecto Rey Pedreira xunto a obxectos como a bandeirola inaugural, o primeiro pódium ou algunhas das entradas dos concertos máis emblemáticos.
Acompañada do comisario da mostra, o xornalista galego Rubén Ventureira, a rexedora recordou que o pazo foi pensado polo grande arquitecto coruñés como unha rede de cordas pechada para lle dar cabida ás bancadas e aos distintos espazos que alberga no interior.
Grandes equipos xogaron no Pazo dos Deportes de Riazor
A alcaldesa sinalou que aínda que Rey Pedreira escolleu o gris do formigón armado que tanto lle gustaba, “todas e todos sabemos que o corazón deste pavillón é verdibranco e tamén laranxa”. Indicou que se conformou como un pazo para os deportes e que cumpriu con esa premisa “desde o momento en que o Concello decidiu darlles acubillo nel ás escolas deportivas municipais”.

Inés Rey comentou que se estas paredes falasen, “rememorarían hoxe en alto tardes de gloria con Martinazzo e Huelves, campionatos en que Europa tivo que xirar a cara para nos aplaudir e recoñecer que neste reduto o stick era e é un elemento máis das nosas grandes conquistas”.
Ademais, engadiu que no pavillón se xestaron as grandes victorias do noso Chaston de fútbol sala e do noso Basquet Coruña, pero que tamén foi escenario de concertos épicos nas décadas dos 70 e dos 80.
Grazas ás miradas dos reporteiros gráficos Alberto Martí e Xosé Castro e ao arquivo da Concellería de Deportes, a cidadanía poderá pasear estes días polos 50 anos de historia do Pazo dos Deportes de Riazor e recordar moitos dos eventos que marcaron a vida dun pavillón construído para acoller xente.
Rey: “Temos aquí parte do noso imaxinario colectivo, historia viva da Coruña”
Hoxe medio século máis tarde, “podemos dicir que temos aquí parte do noso imaxinario colectivo”. A alcaldesa explicou que o edificio forma parte da historia viva da Coruña e do Estado porque, sen sabelo, foi espectador vip do período democrático actual ao pasaren os que despois se erixirían como presidentes do Goberno e da Xunta para daren discursos.
A alcaldesa asegurou que como rexedora, pero sobre todo, como coruñesa que tamén viviu e sentiu aquí dentro, “quero agradecerlles ao comisario Rubén Ventureira e a todo o seu equipo o esforzo e o traballo de xuntaren en documentos gráficos e obxectos a personalidade dun Pazo dos Deportes que garda con cariño o primeiro e único pódium, que viu a Iugoslavia de Petrovic taponarlle balóns á mesmísima URS no 88, pero, sobre todo, que vibrou cada vez que notaba o peso da afección que nunca se rende”.
Para a rexedora, as e os deportistas son os verdadeiros donos desta construción emblemática, “xunto ás e aos espectadores que lles dan corda para que se siga falando da Coruña como unha referencia deportiva e cultural do noroeste de España”.
Presencia das mulleres que gañaron o primeiro título para Galicia
No acto que tivo lugar no propio Pazo dos Deportes estiveron presentes deportistas que xogaron en diferentes equipos da cidade da Coruña que utilizaron a instalación, como por exemplo os de baloncesto femino Tabacos e Medina, este último foi o primeiro equipo galego en gañar unha Liga estatal, ocorreu no ano 1966.

Tamén houbo representación do HC Liceo de hockey sobre patines, RC Deportivo de fútbol, Chaston de fútbol sala, Basquet Coruña de baloncesto, xunto a anteriores concelleiros de Deportes Emilio Quesada, Eduardo Blanco, Esteban Lareo, Xan Caxigal, Fran Mourelo, José Manuel Sande e Juan Ignacio Borrego así como representantes dos distintos grupos políticos municipais.