- Grazas a esta aproximación máis segura aos contidos específicos de cada deporte que ven de publicar a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, acádase “gran motivación, reforzo e recompensa para o deportista, o que aínda se potenciará máis cando a práctica inclúa xa a propia actividade competitiva”, indican desde a administración autonómica.
A Xunta de Galicia vén de publicar o cuarto número das Guías DXT Galego ‘Volvendo con sentidiño’ elaboradas pola Secretaría Xeral para o Deporte e expertos universitarios baixo a coordinación do catedrático da Universidade da Coruña, Rafael Martín Acero, que xa foi enviado a todos os clubs e federacións deportivas de Galicia e pode ser consultado na páxina web do Deporte Galego.
Este cuarto manual para o deporte galego versa sobre ‘Achegarse do modo máis seguro posible á volta á competición de nenos, mozos e amateurs’.
A cuarta guía que agora se pon a disposicion de profesionais do deporte e deportistas en xeral e que se pode descargar na web da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, achega orientacións, suxestións, e algúns instrumentos que, a partir dos coñecementos científicos, técnicos e institucionais ata a data da súa publicación, poden servir para que as direccións técnicas, os educadores e adestradores poidan optimizar a reactivación e a readaptación en cada especialidade xa en accións propias da competición e con seguridade sanitaria.
![Lavado de mans](https://asnosas.gal/wp-content/uploads/2021/01/lavado-de-mans-1024x682.jpg)
Ademais de cumprir a regra composta “M M M” (Mantendo a distancia física de 1,5 metros, Máscara sempre e Mans desinfectadas con frecuencia), pódese estimar o grao de exposición ao risco (baixo, medio ou alto) de cada tarefa principal, parte da sesión, e sesión de adestramento, para axustar e vixiar con maior precisión a súa práctica real, que ao ser con máscara en moi poucas ocasións suporía a súa non realización.
Segundo aseguran desde a administración autonómica galega “Grazas a esta aproximación máis segura aos contidos específicos de cada deporte, acádase gran motivación, reforzo e recompensa para o deportista, o que aínda se potenciará máis cando a práctica inclúa xa a propia actividade competitiva, sexa esta simulada, deconstruída ou o máis completa posible”.
O adestramento e a competición máis segura, é máscara?
Os asuntos tratados neste cuarto documento versan sobre ‘Adestrar e competir o máis seguro posible: máscara’ desenvolto por expertos das tres universidades galegas en colaboración con especialistas das universidades de Granada, Rey Juan Carlos, Castilla La Mancha, Oviedo, País Vasco, Copenhague (Dinamarca), Exeter (Reino Unido), así como as de Gotemburgo (Suecia), Sur de Dinamarca e Islas Feroe.
![Presentación da máscara realizada por Amura Sport en colaboración coa federación galega / FGBM](https://asnosas.gal/wp-content/uploads/2020/10/BM-máscara-3-1024x768.jpg)
Tamén se aborda nesta cuarta guía do Dxt Galego o tema de ‘Autoavaliar ao programar sesións de adestramento e a competición coa maior seguridade posible’. Ese punto abórdano un tres expertos da Universidade da Coruña: Rafael Martín Acero, Joaquín Gómez Varela e Dan Río. O catedrático da Universidade de Vigo, Carlos Lago Peñas, desenvolve nesta cuarta entrega a ‘Guía de suxestións en deportes de equipo para adaptar a competición, controlando o risco de contaxio por coronavirus’.
O último capítulo deste exemplar versa sobre a ‘Guía de suxestións para progresar nos adestramentos na competición de deportes de loita/combate, controlando o risco de contaxio por coronavirus’, levada a cabo por Xurxo Dopico, Eliseo Iglesias, Dan Río, Eduardo Carballeira e Iván Clavel (Universidade da Coruña), Carlos Lago (Universidade de Vigo) e José Manuel García (Universidade de Castilla La Mancha).
Esta guía é a cuarta dunha serie que completa o documento único que contribuirá a reactivar os adestramentos e competicións das arredor de 300 especialidades deportivas que se practican en Galicia e a recuperar o músculo do deporte galego, así como a plenitude física e psíquica de federacións, clubs e deportistas.
Esta serie de guías leva publicándose desde xuño de 2020
A primeira delas, entregada o pasado 29 de xuño, trata as ‘Recomendacións para a aceleración da reactivación e readaptación técnico/táctica do deportista en busca da súa motivación progresiva para as esixencias da competición’.
A segunda, sobre as ‘Recomendacións para a aceleración da reactivación e readaptación técnico/táctica do deportista para a súa motivación e achegamento progresivo ás esixencias do partido’, foi publicada o 3 de xullo.
A terceira, ‘Aceleración da reactivación e readaptación técnico/táctica do deportista para motivalo e achegalo progresivamente ás demandas da loita, combate, etc.’ viu a luz o pasado 8 de xullo.
Guías DXT Galego, “Volvendo con sentidiño”
As Guías DXT Galego ‘Volvendo con sentidiño’ poñen á disposición de federacións, clubs, profesores e adestradores suxestións con base científica que permitan acelerar a volta á normalidade na práctica da actividade deportiva con toda a seguridade e cumprimento das normativas.
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, entende a elaboración deste documento como un novo exemplo do traballo do Goberno galego na busca do “constante apoio e consenso en todos e cada un dos membros desta sólida sociedade da que somos responsables”.
![José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte / XUNTA](https://asnosas.gal/wp-content/uploads/2020/10/Lete-lasa-xunta.jpg)
Tras un comportamento “escrupuloso” durante os tres meses que tivo vixencia o estado de alarma (motivado pola pandemia de coronavirus COVID-19) na nosa Comunidade Autónoma, “a Xunta de Galicia entende que neste momento, garantir a seguridade e a saúde da nosa poboación tamén pasa por recuperar a actividade deportiva”, sentencia o secretario Xeral para o Deporte.
Grazas a esta aproximación máis segura aos contidos específicos de cada deporte, “acádase gran motivación, reforzo e recompensa para o deportista, o que aínda se potenciará máis cando a práctica inclúa xa a propia actividade competitiva”, aseguran desde a administración autonómica.
GUÍAS DXT GALEGO
Recomendacións para a aceleración da reactivación e readaptación técnico/táctica do deportista en busca da súa motivación progresiva para as esixencias da competición’
![Guías Dxt Galego / XUNTA DE GALICIA](https://asnosas.gal/wp-content/uploads/2021/01/guia-dxt-galego-1.png)
‘Recomendacións para a aceleración da reactivación e readaptación técnico/táctica do deportista para a súa motivación e achegamento progresivo ás esixencias do partido’
![Guías Dxt Galego / XUNTA DE GALICIA](https://asnosas.gal/wp-content/uploads/2021/01/guia-dxt-galego-2.png)
‘Aceleración da reactivación e readaptación técnico/táctica do deportista para motivalo e achegalo progresivamente ás demandas da loita, combate, etc.’
![Guías Dxt Galego / XUNTA DE GALICIA](https://asnosas.gal/wp-content/uploads/2021/01/guia-dxt-galego-3.png)
‘Achegarse do modo máis seguro posible á volta á competición de nenos, mozos e amateurs’.
![Guías Dxt Galego / XUNTA DE GALICIA](https://asnosas.gal/wp-content/uploads/2021/01/guia-dxt-galego-4.png)
DESCARGA A FERRAMENTA ADESTRAR