A segunda temporada de 3H Resistencia no calendario federado vivirá este domingo o seu día grande. A localidade coruñesa Lousame acolleu o ano pasado a proba inaugural da Copa autonómica e este domingo será a sede do Campionato de Galicia 2023.
Ás 10:00 horas arrancará tanto a competición individual como por parellas dun evento que reunirá a 300 bikers tras esgotar a cota de inscricións. Un éxito de participación.
#CampionatoRST23 | A 3h Resistencia celebra este domingo o seu Campionato de Galicia en Lousame
🚵♀️🚵♂️ 300 bikers completaron a cota de inscricións
🔗 https://t.co/ScF5cdGgQ5 pic.twitter.com/4JMcWx7glx
— F_Galega de Ciclismo (@F_Gal_Ciclismo) February 17, 2023
A 3H Resistencia Lousame, organizada polo Club BTT O Treito coa colaboración do concello deste municipio da comarca de Noia e da Federación Ciclismo Galego (FCG), ofrece un circuíto de 5,6 quilómetros de lonxitude no lugar de Berrimes. O seu desnivel positivo acumulado rolda os 150 metros. Nesta especialidade do BTT as corredoras e os corredores teñen como reto sumar o maior número de voltas nun tempo límite de 3 horas. As parellas compiten no formato de remudas.
A Copa Galicia 3H Resistencia constou esta campaña de cinco eventos, celebrados nunha marxe dun mes, e finalizou o pasado domingo en Muros. O Campionato, ademais de poñer en xogo as coroas autonómicas, tamén reparte puntos para o ranking anual da FCG. Polo tanto, o que aconteza en Lousame terá un valor dobre.
No 2022 a cita estrela do calendario de 3H Resistencia disputouse en Noia e subidos ao chanzo máis alto do podio recibiran as camisola de campións autonómicos Martín Sestelo nos juniors, Ángel Maneiro nos sub23, Eva Ortega e Javier Busto en elite, Daniel García en máster-30, Rebeca Muñoz e Alejandro Trasbach en máster-40, Francisco Xavier López Cedrón nos máster-50 e Carlos Gómez nos máster-60.
Esta vez incorpóranse ao programa do Campionato as parellas absolutas e cadetes. En ambas categorías participan dúos femininos, masculinos e mixtos.