Resistencia. Esa é a chave desta proba ciclista de BTT que estrea campionato galego neste curso 2022. A primeira proba desta nova competición terá lugar o vindeiro domingo 20 a partir das 10:00 nun circuíto habilitado a tal efecto no Polígono Industrial Agualevada. Son as 3 Horas BTT Noia. Hai categorías individuais e por parellas, dentro desta opción hai tres categorías de dúos: mixta, feminina e masculina.
Esta temporada a Resistencia incorporouse ao calendario da Federación Ciclismo Galego e este domingo, 20 de febreiro, poranse en xogo por primeira vez as coroas desta modalidade do BTT. Será na localidade de Noia, a partir das 10:00 horas, e con récord de participación.
O prazo para participar no evento organizado polo Club Peña Ciclista Toxo pechouse con 280 inscritos, unha cifra que supera ás rexistradas durante as probas da Copa Galicia e que ratifica a boa acollida da Resistencia na súa primeira campaña como especialidade federada.
A 3 Horas BTT Noia terá como escenario o circuíto do Polígono Industrial Agualevada, un percorrido por pistas de terra no que se acumulan 170 metros de desnivel positivo nos seus 5,25 quilómetros de lonxitude.
As bikers e os bikers que se van dar cita na liña de saída desta proba afrontarán o reto de pedalear durante 3 horas buscando completar o maior número de voltas posible.
Ao igual que aconteceu na Copa Galicia, no Campionato pódese competir de xeito individual ou por parellas realizando remudas. Hai tres categorías de dúos: mixta, feminina e masculina. Así poderá facerse nestas 3 Horas BTT de Noia.
Bikers a quen seguir a pista nas 3 Horas BTT Noia
Despois de que se disputaran as catro xornadas do certame autonómico nunha marxe dun mes, a gañadora e o gañador das xerais absolutas da Copa sobresaen como favoritos para facerse coas coroas individuais. A corredora de categoría elite Eva Ortega (Extol) goza da condición de invicta no calendario galego e o máster-30 Manuel Ángel Parada (Xesteiras) liderará o potente bloque do conxunto de Cuntis, que a priori terá como principais rivais aos ciclistas elites Javier Busto (Extol) e David Fernández (Narón).