A Federación Galega de Ciclismo terá representación no Campionato de Europa 2021 de Ciclocrós. Máis dun terzo da Selección Española terá acento galego, con Uxía Soto, Laura Mira e Carla Fernández como competidoras femininas galegas.
A cita terá lugar en Drenthe, nos Países Baixos, na fin de semana do 6 e 7 de novembro. A ela acudirán un total de dezasete ciclistas, entre as que se encontran as tres galegas e os tamén irmandiños Ricardo Buba, Miguel Rodríguez e Iván Feijoo.
O seleccionador Pascual Momparler confía nas dúas júnior galegas do GD Supermercados Froiz, Uxía Soto e Laura Mira, que están xa a realizar unha gran tempada. Mira segue liderando na Copa Galicia de Ciclocross, onde Soto non se queda atrás.
Tamén estará presente Carla Fernández, do BTC Team Farto, quen foi campioa sub23 na última proba celebrada en Cambre.
O calendario do Europeo
A proba continental dará comezo o sábado coas carreiras júnior feminina (11:00 horas) e sub23 masculina (13:15 h) no circuíto do Col du Vam, de 2.700 metros de lonxitude. O domingo, os juniors serán os encargados de abrir a xornada ás 11:00 h e, tras eles, correrán as mulleres sub23. O programa en Drenthe pecharase a partir das 15:00 h coa manga elite masculina. Todo o campionato poderá verse a través de Eurosport.