O técnico vigues Miguel Méndez, actual adestrador da Selección Española Absoluta feminina de baloncesto, convocou a 21 xogadoras para preparar a Copa do Mundo que se disputará en setembro en Berlín. Na lista están as tres galegas: María Araújo, Paula Ginzo e Raquel Carrera, ademais da baloncestista barcelonesa Andrea Vilaró que este curso 2026-27 milita no Durán Maquinaria Ensino de Lugo.
Segundo informa a FEB a Selección Española de baloncesto empezará a traballar o próximo 4 de agosto con 16 delas, ás que se irán sumando as que están na WNBA: Awa Fam, Raquel Carrera, Alicia Flórez, María Conde e Megan Gustafson.
O seleccionador estatal, Miguel Méndez, aposta nesta lista pola continuidade das 12 Subcampioas de Europa do pasado verán, ás que se unen María Conde, Maite Cazorla e Megan Gustafson e na que por primeira vez aparece a pivote Marta García.
Ver esta publicación en Instagram
O 4 de agosto a Selección Española comezará a preparar o seu regreso a unha Copa do Mundo. Unha cita á que volve 8 anos despois de subirse ao terceiro caixón do podio no Mundial de Tenerife. Para iniciar o camiño a Berlín o seleccionador Miguel Méndez deu a coñecer, no auditorio Raíña Sofía do Hospital Universitario HM Sanchinarro, ás 21 xogadoras convocadas. No acto, estivo acompañado pola presidenta da FEB , Elisa Aguilar; e pola doutora. Elena Abarca, vicepresidenta de HM Hospitais.
Unha lista que estará encabezada pola capitá Alba Torrens, a xogadora con máis internacionalidades do equipo e a única que disputou unha cita mundial ata en 3 ocasións, colgándose en todas elas medalla (Prata en Turquía 2014 e Bronce en República Checa 2010 e Tenerife 2018).

Xunto a ela estarán as outras 11 Subcampioas de Europa do pasado verán: Mariona Ortiz, Iyana Martín, Aina Ayuso, Elena Buenavida, Helena Pueyo, Andrea Vilaró, Irati Etxarri, Raquel Carrera, Awa Fam, Paula Ginzo e María Araújo.
A lista complétana María Conde, Maite Cazorla e Megan Gustafson, parte do equipo que selou o pase á Copa do Mundo o pasado mes de marzo en Porto Rico; e Alicia Flórez, Lola Pendande (subcampioa de Europa en 2023), Nerea Fermosa, Txell Alarcón, Carolina Guerrero, habituais en últimas convocatorias, e Marta García, a única debutante da convocatoria.
Primeiro Mundial para o adestrador galego Miguel Méndez
Para Miguel Méndez esta tamén será a súa primeira Copa do Mundo. O adestrador vigués estará a cargo dun corpo técnico ao que se une Anna Montaña como adestradora axudante, en substitución de Nacho Martínez, quen por motivos privados non poderá estar presente este verán:
- Adestradoras axudantes: Cristina Cantero, Raquel Romo e Anna Montañana
- Médico: Laura Ots
- Fisioterapeutas: Óscar Delgado, Tomás Richartz e Edurne Martín
- Preparador físico: Óscar Viana
- Rendemento: Carlos Martínez
- Delegada: Paloma Romero
Miguel Méndez empezará a traballar con 16 xogadoras en Madrid o 4 de agosto, data na que non poderá contar coas 5 que están a disputar a WNBA: María Conde, Raquel Carrera, Alicia Flórez, Megan Gustafson e Awa Fam, quen se irá incorporando a finais do mes de agosto. É a primeira vez na historia da Selección Española que 5 xogadoras españolas están a disputar a WNBA, unha mostra do gran nivel que vive o baloncesto español, salientan desde a FEB.
Trío de galegas na Selección Española de baloncesto
Un total de tres xogadoras galegas estarán defendendo a elástica da Selección Española de Baloncesto nesta preparación cara á Copa do Mundo. Falamos de Raquel Carrera, unha a-pívot ourensá que xoga na WNBA nos New York Liberty. Militou no Celta Baloncesto (2016-2019), no Araski AES (2019-2020), no Valencia Basket (2020-2026), e neste momento defende as cores do New York Liberty na WNBA en USA.

Tamén está na lista de 21 xogadoras a pívot viguesa María Araújo. A traxectoria deportiva da olívica comezou nas categorias inferiores do Celta Baloncesto conxunto co que chegou a debutar na LF2 e no que xogou desde 2010 ao 2015. Nese momento mudou de equipo e sumouse ao BAXI Ferrol ata o 2018. Na campaña 2018-19 competiu co Wisla Cracovia para volver a España, concretamente ao Uni Girona na etapa 2019-23. Novamente xogaría no extranxeiro, nesta ocasión na liga turca, no Çukurova Basketbol Mersin (2023-25). Na actualidade milita no Valencia Basket da Liga Feminina Endesa.

A terceira galega é a pívot ourensá Paula Ginzo que militou no C. B. Estudiantes (2017-2018), no C. B. Al-Qázeres (2018-2020), no Gernika KESB (2020-2022), no Durán Maquinaria Ensino Lugo (2022-23), no Barça CBS (2024-25) e que actualmente xoga no Diósgyőri VTK.

Miguel Méndez: “As expectativas son máximas”
Na presentación da lista, o seleccionador Miguel Méndez declaraba: “Imos con moita ilusión, co obxectivo sinxelo de gañar cada partido”. O adestrador galego que dirixe a Selección Española explicaba tamén: “As expectativas son máximas, imos atopar cunha competición que hai anos que non xogamos, pero entre medias habemos xogados Xogos Olímpicos cos mellores equipos do mundo. Queremos gañar cada partido que xoguemos independentemente do rival”.
Ver esta publicación en Instagram
Pola súa parte a presidenta da FEB Elisa Aguilar manifestaba: “O noso baloncesto feminino está nun momento excepcional. Un dos mellores da súa historia”. A máxima dirixente do baloncesto estatal español declaraba: “Chegamos a este verán como vixentes Subcampioas de Europa en dúas edicións consecutivas, as dos anos 2023 e 2025, e coa base empuxando con forza.”
Ver esta publicación en Instagram
Tamén nese acto de presentación da lista de 21 xogadoras que afrontan a preparación da Copa do Mundo, a doutora Elena Abarca declaraba: “Falar de baloncesto español feminino é falar de esixencia, pero sobre todo, falar dun modelo asentado”. “A nosa ilusión continúa, seguro que as xogadoras van dar o seu valor competitivo. Todo o país apoiaraas”, asegurou.
ESTA É A LISTA DE 21 XOGADORAS CONVOCADAS POLA SELECCIÓN ESPAÑOLA
| XOGADORA | CLUB | INTERNACIONALIDADES | DORSAL |
| Alba Torrens | AzulMarino Palma | 222 | 7 |
| María Conde | Familia Schio/ Toronto Tempo | 85 | 10 |
| Paula Ginzo | Zabiny Brno | 66 | 20 |
| Maite Cazorla | USK Praga | 59 | 5 |
| Raquel Carrera | Valencia Basket/ New York Liberty | 49 | 14 |
| María Araújo | Valencia Basket | 45 | 8 |
| Andrea Vilaró | Durán Maquinaria Ensino | 43 | 13 |
| Mariona Ortiz | Casademont Zaragoza | 33 | 4 |
| Irati Etxarri | Movistar Estudiantes | 26 | 3 |
| Awa Fam | Seattle Storm | 22 | 11 |
| Aina Ayuso | Hozono Global Jairis | 21 | 6 |
| Helena Pueyo | Valencia Basket | 21 | 9 |
| Iyana Martín | Spar Girona | 20 | 44 |
| Elena Buenavida | Valencia Basket | 18 | 2 |
| Megan Gustafson | Portland Fire | 18 | 17 |
| Lola Pendande | Olympiacos Piraeus | 17 | 21 |
| Nerea Hermosa | Casademont Zaragoza | 13 | 23 |
| Txell Alarcón | Hozono Global Jairis | 5 | 22 |
| Alicia Flórez | Valencia Basket/ Washington Mystics | 2 | 18 |
| Carolina Guerrero | Spar Girona | – | 1 |
| Marta García | Spar Girona | – | 16 |
A xira ‘Volvemos soñar’ faraas disputar 5 partidos amigables
Dentro da xira de preparación ‘Volvemos soñar’, a Selección Española disputará 6 encontros nos que se medirá a Alemaña e Mali, rivais na fase de grupos da Copa do Mundo; Bélxica, China e Nixeria.
O 15 de agosto xogará o seu primeiro partido contra Alemaña en Ludwigsburg (ás 19.00 horas, hora peninsular). Do 21 ao 23 de agosto disputará en Tenerife un Triangular contra Nixeria (venres 21, ás 21.00 horas -20.00 en Canarias-) e Bélxica (domingo 23, á mesma hora).
Pechará a súa preparación en Zaragoza, contra Mali e China, o 29 e 30 de agosto respectivamente, ás 20.00 horas.
Toda a xira ‘Volvemos soñar’ poderá seguirse en directo en Teledeporte e as entradas atópanse xa á venda na web oficial da FEB.
Vídeo de presentación da Lista elaborado por Kapra con IA
As 21 xogadoras convocadas polo seleccionador Miguel Méndez foron presentadas nun novo vídeo feito con Intelixencia artificial, que reflicte o soño cumprido de volver a unha Copa do Mundo e co que se busca trasladar á afección a paixón, ilusión e unión coa que se vive esta cita. Unha película que foi elaborada pola produtora audiovisual Kapra en colaboración coa Federación Española de Baloncesto e CaixaBank, socio patrocinador da FEB.
Ver esta publicación en Instagram





















