No fútbol praia Galicia impón tamén o seu selo de calidade. O 13 de setembro do 2026 xa forma parte da historia do fútbol praia galego por ser data na que catro futbolistas da nosa terra (tres mulleres e un home) proclamáronse vencedores do Campionato de Europa da modalidade coa Selección Española.
Andrea Mirón, Sara Tui e Carol González coa Selección Española feminina de fútbol praia, e Kuman Santiso, coa Selección Española masculina de fútbol praia, veñen de gañar o ouro Europeo de fútbol praia.
Andrea Mirón, Sara Tui e Carol González, campioas de Europa de fútbol Praia
As primeiras en acariñar a gloria foron Andrea Mirón, Sara Tui e Carol González. As nosas conquistaron a Euro Beach Soccer League coa Selección Española feminina de fútbol praia tras derrotar na gran final a Italia (4-3) na cita que tivo lugar en en Viareggio. O título europeo decidiuse na prórroga, tal e como informan desde a RFGF.
Na final contra Italia, o 1-1 asinouno Sara Tui e o 2-1 foi obra de Andrea Mirón. O partido resolveuse cun 4-3 tras disputarse unha prórroga (acabouse o tempo regulamentario cun 3-3 no marcador).
A festa galega continuou máis tarde coa final masculina de fútbol praia, na que o galego Kuman Santiso tamén conquistou a medalla de ouro tras superar tamén a Italia (2-5).

España volve ser campioa de Europa. A Selección Española feminina impúxose a Italia (4-3) na final da Euro Beach Soccer League disputada en Viareggio e volve levantar o título continental tras unha final que se resolveu na prórroga, segundo informa a RFEF.
Tres futbolistas galegas raíñas da area europea
España e Italia coñecíanse ben. As dúas seleccións xa se enfrontaran durante a fase de grupos desta mesma Superfinal e varias internacionais italianas, como Vecchione ou Galloni, compiten ademais na liga española. Ese coñecemento mutuo trasladouse desde o inicio a un encontro moi táctico, con España levando principalmente a iniciativa e Italia tratando de aproveitar as súas opcións á contra.
As anfitrioas foron as primeiras en adiantarse. Un erro da futbolista galega Andrea Mirón tras un pase de Laia permitiu a Massa facerse co balón e establecer o 0-1.
España mantivo o control do xogo e xerou ocasións para igualar o marcador, aínda que Galloni respondeu con acerto ás chegadas españolas. Italia dispuxo de menos oportunidades durante este primeiro período e conseguiu conservar a súa vantaxe ata o descanso.
O segundo comezou cunha ocasión italiana que atopou a resposta de Laia. Pouco despois chegou o empate español. A futbolista galega Sara Tui pelexou un balón ante a defensa italiana e sacou un potente disparo que golpeou no traveseiro antes de entrar na portería (1-1).
O partido aumentou en intensidade, con numerosas faltas e tarxetas. Unha acción sobre Pilar reclamada desde o banco español terminou ademais coa expulsión do seleccionador italiano, Simone Feudi.
España púxose por diante pouco despois. Laia lanzou de lonxe, Galloni rexeitou o balón e Andrea Mirón aproveitou o despexe para marcar o 2-1.
Italia conseguiu igualar de novo desde o punto de penalti. A colexiada sinalou a pena máxima nunha acción de Pilar sobre Farnesi e Massa converteu o lanzamento para facer o 2-2.
A resposta española chegou nunha acción rápida de Jessi. Executou con viveza un saque de banda coa man cara a Serrat, que rematou de cabeza para superar a Galloni e devolver a vantaxe a España (3-2).
O terceiro período deixou un partido moito máis aberto, con ocasións en ambas as porterías ante a necesidade de Italia de buscar o empate. As anfitrioas conseguiron o 3-3 despois dun balón bombeado que Laia non puido blocar e que quedou franco para Privitera, que marcou o empate.
A igualdade levou a final á prórroga. Un lanzamento afastado desde campo español e a presión de Carol González sobre a defensa italiana terminaron co balón na portería de Galloni para colocar o 4-3, que resultaría definitivo.
FICHA TÉCNICA
4 – ESPAÑA: Laia, Alcaide, Carol González, Jessi e J. Serrat – cinco inicial -. Tamén xogaron: Andrea Mirón, Manau, Jacque, Sara Tui, Pilar, P. Campoy, Lloret, Xenia e Nara. Seleccionador: Omar El Gazzi.
3 – ITALIA: Galloni, Vecchione, Massa, Privitera y Adami – cinco inicial -. Tamén xogaron: Ferrazza, Illiano, Costantini, Veglio, Farnesi, Baldini e Manca. Seleccionador: Simone Feudi.
GOLES: 0-1, Massa; 1-1, Sara Tui; 2-1, Andrea Mirón; 2-2, Massa (p.); 3-2, J. Serrat; 3-3, Privitera; 4-3, Carol González.
EQUIPO ARBITRAL: Angelika Gębka (POL), Dario Minder (SUI), Matthieu Dor (FRA) e Mehdi Sayoud (BEL).
INCIDENCIAS: Final da Women’s Euro Beach Soccer League Superfinal 2026, disputada no Matteo Valenti Stadium de Viareggio (Italia). A Selección Española de fútbol praia proclámase campioa de Europa. O encontro necesitou da disputa dunha prórroga tras finalizar o tiempo regulamentario con empate (3-3). O seleccionador italiano, Simone Feudi, foi expulsado durante o segundo periodo.
















