Practicamente todo a punto para que o vindeiro día 3 de xuño as rúas coruñesas de Cantones reciban a elite mundial da marcha en ruta no que será a trixésimo sexta edición do GP Internacional de Marcha Atlética Cantones da Coruña – Trofeo Sergio Vázquez.
O máis importante evento da marcha no ámbito mundial, despois dos Xogos Olímpicos, regresa como cada ano cunha importante presenza dos mellores especialistas do momento. Sen lugar a dúbidas, no punto de mira de todas elas e eles, estará o Campionato do Mundo de Aire Libre que se disputará en Budapest do 19 ao 27 de agosto e na que boa parte dos que alí tomen parte, estarán esta fin de semana en Cantones.
Por tal motivo, o trazado coruñés será novamente un excelente banco de probas que servirá como decisivo test para a cita mundialista de Budapest.
A Coruña xa está recibindo marchadores para o GP Cantones
Como é habitual a medida que se achega a data da proba, son moitos os paises que aproveitan para adiantar a súa viaxe e adestrar no magnífico paseo marítimo coruñés que xunto as condicións climatolóxicas, o converten nun lugar moi apreciado e valorado na planificación dos distintos adestramentos.
Este ano os máis madrugadores son os marchadores e marchadoras asiáticos, concretamente de Japón, que xa se atopan na cidade herculina. Á cabeza destes deportistas que participarán no GP Cantones sitúase o medallista de bronce nos mundiais universitarios Yuta Coga.
Nos vindeiros días agárdese que aterren en Alvedro as distintas delegacións, cuxa presencia máis numerosa, despois da española, é a mexicana cun total de vinteseis atletas, seguida da colombiana con dazasete e a chinesa con quince.
Ausencia de deportistas de Rusia
Desde o ano 2011 onde as probas foron gañadas en ambas categorías polos marchadores rusos Valerey Borchin en homes e Olga Kaniskina en mulleres (ambos os dous sancionados por doping con posterioridade), ningún atleta dese país volveu pasar pola GP Internacional de Marcha Atlética Cantones da Coruña – Trofeo Sergio Vázquez baixo a súa bandeira debido ás distintas sancións aplicadas pola World Athletics.
Ata o ano pasado, o máximo organismo mundial do atletismo autoriza a presenza dalgúns deportistas baixo as siglas ANA (atletas autorizados) fórmula que os permitiu pasar por A Coruña como foi o caso Vasily Mizinov 4º clasificado masculino no 2019.
Malia elo, un total de vintecinco nacionalidades estarán compitindo o sábado na Coruña, contándose con prácticamente a totalidade dos paises importantes da marcha a nivel mundial como Italia, China, Ecuador, Perú, Japón ou Suecia por citar algún.