Conservas Orbe Rubensa Bm Porriño e Atlético Guardés non se verán as caras ata a segunda fase da competición nesta Liga Guerreras Iberdrola que comeza. Cada un dos equipos galegos está encuadrado neste arranque ligueiro nun grupo diferente. Pero tanto as da Guarda como as de Porriño debutan hoxe.
O Atlético Guardés recibirá ao Lanzarote-Puerto del Carmen a porta pechada por mor das restricións pola COVID-19. A cita deportiva está fixada para hoxe sábado, 12 de setembro, na Sangriña ás 20:30 horas coa arbitraxe dos colexiados galegos: Pedro Eiras Abalde e Lucas Crespo Gómez.
No que refire ao estado deportivo do plantel, cabe destacar que o equipo se preparou ata onte, tras a eliminación nos cuartos de final da XLI Copa de SM a Raíña ante o Aula Alimentos de Valladolid, para debutar nunha Liga Guerreras Iberdrola 2020-21 que chega marcada por un novo formato: haberá dous grupos e dúas fases da competición.
O Guardés inicia a tempada encadrado no grupo A xunto a Super Amase Bera Bera, Rincón de la Fertilidad Málaga, Aula Alimentos de Valladolid, Zubileta Evolution Zuazo, Uneatlántico Pereda, Cicar Lanzarote Ciudad Arrecife e Lanzarote-Puerto del Carmen, o seu primeiro rival.
Pola contra, os primeiros pasos do Conservas Orbe Rubensa BM Porriño na Liga Guerreras Iberdrola 2020-21 serán fóra de Galicia pero non demasiado lonxe. O calendario determinou que as galegas xogasen hoxe, sábado 12 de setembro, ás 19:00 horas, no Pabellón de la Arena en Gijón contra o Liberbank (Club Balonmano La Calzada).
Asturianas e galegas pertencen ao Grupo B xunto con outros seis equipos de zonas como Cataluña, Canarias ou Andalucía. Trátase do Balonmano Salud Tenerife, Balonmano Elche, Club Balonmano Morvedre, Rocasa Gran Canaria, Adesal Cordoba e KH-7 Bm Granollers.
Sistema de competición da Liga Guerreras Iberdrola
Debido á crise da COVID-19 a Liga Guerreras finalizou sen descensos. O que si se produxeron foron ascensos de catro clubs da Plata Feminina. Por este motivo, a máxima competición do balonmán español feminino conta este ano 16 equipos e un formato diferente.
Os 16 clubs repártense en dous grupos de oito equipos. A primeira fase da competición levaraos a se enfrontar todas contra todas por sistema a dobre volta. Os catro mellores equipos clasificados do Grupo A e os catro primeiros do Grupo B pasan á loita polo título.
A primeira fase que comeza esta fin de semana servirá non so para superar un primeiro chanzo competitivo, senon que tamén terá moito que dicir na loita polo título ao se arrastrar puntos dunha fase a outra.
Os catro últimos de cada grupo loitarán na segunda fase por evitar o descenso.