O XXXIV Gran Premio Cantones de Marcha da Coruña está en plena preparación do evento e anuncia xa as primeiras confirmacións. O tamén coñecido como Trofeo Sergio Vázquez contará coa presenza de Erika Rocha de Sena, Caio Bonfin e Glenda Morejón.
Esta competición de marcha, que volverá en menos dun mes tras un ano de parón provocado pola COVID-19, contará coas atletas máis destacadas do panorama internacional. Coa escaseza de probas durante a tempada, este torneo chega como unha motivación extra para as participantes, na busca das marcas mínimas para participar nos vindeiros Xogos Olímpicos de Toquio 2021.
Confirmacións internacionais para o torneo de marcha Cantones 2021
Dúas marchadoras destacadas no ámbito internacional marcharan na Coruña o vindeiro 5 de xuño. A brasileira Erika Rocha de Sena, sétima nos Xogos Olímpicos de Río e cuarta no mundial de Doha do 2019, acudirá á cita galega. Na edición do Cantones 2019 acadou o cuarto lugar da competición.
Tamén de Brasil é Caio Bonfin, e entre as súas marcas destaca unha cuarta posición nos Xogos de Río 2016, e un bronce no mundial de Londres no 2017, na proba dos 20 km.
O trío de atletas internacionais confirmadas na proba coruñesa complétase con Glenda Morejón, procedente de Ecuador. A emerxente e prometedora atleta Sub-23 foi campioa do mundo Sub-18 no ano 2017, na competición de Nairobi, e acadou a terceira praza no 2018 na categoría Sub-20 de Tampere. Na última edición do 2019 a ecuatoriana acadou o ouro, batendo o récord continental cun 1:25.29 nos 20 km, superando ás chinesas Jiayo Yang e Liu Hong, plusmarquista mundial da distancia.