- Na categoría U12 desta Copa Galega de fútbol gaélico participaron O Resio, Esquíos e Boqueixón e na U15 competiron Lugh Friol I, e Lugh Friol II, O Pino, Boqueixón O Forte, O Resio Keltoi, Turonia e Esquíos.
- A seguinte cita da base galega desta modalidade deportiva é o 3 de maio no Fèile que terá lugar en Amsterdam.
Un cento de futbolistas das categorías U12 e U15 xuntáronse no campo de Coia en Vigo na Copa Galega organizada pola Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG). Os triunfadores en termos de competición foron O Pino na categoría U15 e o Boqueixón na U12. Pero nunha mirada con máis perspectiva quen gañou foi a base desta disciplina en Galicia. Esta cita dá conta dos froitos do traballo realizado desde as Gaélico Escolas PuntoGal nestes anos.

Con respecto ao pre-fèile do ano pasado a participación de futbolistas federados duplicouse alcanzando os 100 rapaces e rapazas. Tamén se pasou de cinco equipos a dez (chegados de seis clubs). Houbo representación de clubs das catro provincias. Estes datos falan dun aumento da canteira do fútbol gaélico en Galicia que desde a AGFG relacionan directamente coa planificación e traballos feitos desde as Gaélico Escolas PuntoGal.
Resultados Copa Galega
Na categoría U12 disputouse un triangular entre O Resio (CEIP Virxe do Rocío – Vigo – Pontevedra), Esquíos (Toén – Ourense) e Boqueixón (Boqueixón – A Coruña) que foi o equipo que resultou vencedor dunha xornada na que a convivencia e a participación era o máis importante.
Nos U15 a competición dividiuse en dous grupos pasando ás semifinais os dous primeiros equipos de cada un deles. A primeira das semifinais tivo como resultado O Pino 26-13 Turonia, e a segunda Boqueixón 37-10 Lugh I. Accederon así á final O Pino e Boqueixón con vitoria dos primeiros por 26-20.

CLASIFICACIÓN GRUPO A
- 1º O Pino (A Coruña)
- 2º Lugh Friol I (Friol – Lugo)
- 3º O Resio Keltoi (Vigo – Pontevedra)
CLASIFICACIÓN GRUPO B
- 1º Boqueixón O Forte (A Coruña)
- 2º Turonia (Gondomar – Pontevedra)
- 3º Esquíos (Toén – Ourense)
- 4º Lugh Friol II (Friol – Lugo)
SEMIFINAIS
- O Pino 26 – 13 Turonia
- Boqueixón 37 – 10 Lugh I
FINAL: O Pino 26 – 20 Boqueixón
Desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) agradecen á RFGF a súa predisposición por ceder o campo federativo de Coia toda a xornada, así como aos responsables das escolas polo traballo do día a día e o que axudaron na montaxe e desmontaxe do torneo.
Coa mirada no Fèile de Amsterdam
Esta competición é un chanzo de cara á celebración en Amsterdam do Fèile. A cita será o 3 de maio. A representación galega correspondería ao equipo vencedor da categoría U15, é dicir, O Pino. Aínda que nos vindeiros días haberá reunións cos responsables das escolas para ver de que maneira se pode facer que participe no Fèile a maior cantidade de nenos posible.
Sobre a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG)
A Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) é o organismo regulador oficial do fútbol gaélico en Galicia, dende a súa aprobación oficial na convención Europea dos deportes gaélicos en decembro de 2013, o cal garántelle de carácter oficial internacional recoñecido polo máximo órgano, a Gaelic Athletic Asociation (GAA).
Boa parte das actividades da AGFG intégranse dentro da RFGF (Real Federación Galega de Fútbol).
PuntoGal é un dos patrocinadores da AGFG que ademais emprega na súa web o dominio www.gaelicogalego.gal.