ENCE Marín Futsal e Ourense Envialia víanse as caras na Raña nun duelo de rivalidade entre galegas que chegaban a este choque en momentos moi diferentes de resultados. Mentres as locais arrastraban unha serie mala sen coñecer o triunfo desde o 18 de decembro pasado, as ourensás arribaban a Marín cunha traxectoria totalmente diferente, invictas desde novembro.
Ao final do partido, a tortilla deu a volta. O triunfo foi para o ENCE Marín Futsal grazas a un solitario gol de María León que abondou para que as locais quedasen cos tres puntos e lle deran unha alegría á súa afección. Pola contra, as futbolistas que adestra Gonzalo Iglesias Morenín, volvían catar o amargor da derrota tras meses felices sen probalo.
Avisaba desde o arranque o Marín de que saía a por todas. Así un tiro e Ceci puxo en complicacións a Vane Barberá antes de cumprirse os primeiros cinco minutos de xogo. Aos poucos o Ourense Envialia foise facendo co control do partido pero non conseguía ver porta.
Outra vez Vane Barberá tivo que sacar a súa mellor cara para poñer freo a Jessi nun man a man que salvou a gardameta das laranxas. Volveu aparecer a veteranía e saber facer de Vane con do Adriana tentou ver porta. O ENCE Marín Futsal tiña chegada e calquera podía marcar nun partido aberto e con ocasións.
Jenny Lores e Judith avisaban de que o Ourense Envialia tamén quería o derbi. Pero ningunha das dúas ocasións se materializaron.
Logo do paso por vestiarios seguiron as ocasións por ambas as dúas escuadras. María León para o Marín, Chiky, para o Ourense Envialia… Pero o gol non chegaba.
Foi precisamente María León quen, finalmente viu porta no minuto 32 de partido. A futbolista do ENCE Marín Futsal remataba un centro de Ceci nunha contra e anotaba así o 1-0.
Arriscou Morenín co xogo de cinco nos últimos minuto do choque, buscando o gol do empate, ou incluso a remontada. O esforzo das ourensás non tivo éxito. O ENCE Marín Futsal fíxose forte na defensa da súa portaría na que Silvia Aguete non deixou dúbidas da súa valía.
Saídas asequibles para Marín e Envialia
Aínda que este triunfo non serviu ao ENCE Marín Futsal para subir postos na táboa, seguro que outorga alento ás galegas para confiar nas súas posibilidades nesta categoría e recuperar o bo momento de xogo co que empezaron o curso 2021-22. A vindeira semana visitan ao AE Penya Esplugues, terceiro pola cola. Un bo momento para cobrarse unha nova ‘vítima’ e poñer distancia cos postos baixos e perigosos.
Pola súa banda o Ourense Envialia ten unha visita que, sobre o papel, debería ser tamén asequible. Chegará a terras ourensás o penúltimo, o Atlético Torcal que vén de perder co 0-3 co Poio Pescamar na casa.
FICHA TÉCNICA
1) ENCE MARÍN FS: Silvia Aguete; María León, Pau, Ceci e Jessy – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Gaby, Adriana, Mar, Dani Fleitas e Lucía.
0) OURENSE ENVIALIA: Vane; Laura Uña, Jenny Lores, Chiky e Judith – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Iria Saeta, María Arias, Sara Moreno, María, Robinha e Elisa Robles (P.S.)
GOL: 1-0, min. 32 María León.
ÁRBITROS: Colexiados, José Manuel Carreira Romero e Rubén Ferrero Carballal. Amosaron cartón amarelo a Jenny Lores e Sara Moreno nas filas do Ourense Envialia e máis a Ceci no ENCE Marín Futsal.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á 19ª xornada na Primeira División do FSF da RFEF disputado no pavillón da Raña. As dúas capitás luciron un brazalete coas cores de Ucraína en sinal de rexeitamento á guerra. Todos os equipos da Primeira División de FSF da RFEF sumáronse a ese xesto nesta xornada para pedir o final da guerra.
Ence Marín Futsal y Ourense Envialia juntas por Ucrania#StopWarInUkraine pic.twitter.com/c9QN6SydCS
— Marín Futsal (@marin_futsal) March 5, 2022